Friday 19 de April de 2024

Lousame e Rianxo comezan as obras do miradoiro do Monte Muralla, que ofrecerá unha panorámica de 360º coa Catedral de Santiago, as Illas Cíes, o val do Té e a ría de Noia


 

Teresa Villaverde e Adolfo Muíños destacan que o novo miradoiro será un incentivo moi importante para o turismo de ambos municipios e mesmo dos xeodestinos Muros-Noia e Arousa

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, visitaron hoxe as obras de construción do miradoiro do Monte Muralla, emprazamento no que se unen xeograficamente ambos municipios. Un miradoiro situado a unha altura de 674 metros e que, unha vez rematado, ofrecerá unha panorámica de 360º na que a persoa que o visite poderá ver dende as torres da Catedral de Santiago, Padrón, o val do Té e as Illas Cíes, por un lado, ata o val de Aldarís, a ría de Muros-Noia e o Monte Louro, polo outro.

Teresa Villaverde destaca que “se trata dunha contorna preciosa que necesitaba desta actuación. Un lugar que ten un atractivo medioambiental, turístico e deportivo. Xa dende 2017 levamos falando Adolfo e máis eu falando de facer un miradoiro aquí e por fin chegou o momento”. Neste sentido, ambos alcaldes coincidiron en agradecer a colaboración tanto do Agader, que financia a obra con 40.000 euros e que se completa con sendas achegas dos concellos de Lousame e Rianxo, como das comunidades veciñais de montes de Aldarís (Lousame) e Campelo, Vilar e Cerqueiras (Rianxo).

A alcaldesa de Lousame destaca que dende o miradoiro do monte Muralla, o visitante “terá unha panorámica de 360 grados onde ver distintas paisaxes: as torres da Catedral de Santiago, a Illa de Arousa, as Cíes, Ribeira, Boiro, Pobra, Rianxo… e do outro lado o val de Aldarís e Xestoso, a ría de Muros e Noia, a Creba, incluso o Monte Louro. Incluso hai xente que ven aquí a ver os fogos da Catedral do 24 de xullo”. Neste sentido, indicou que “espero volver estar aquí no prazo dun mes coa maior parte do traballo xa feito, co miradoiro xa operativo e coas antenas e os restos de ferralla actuais xa retirados, pois é unha actuación que tamén busca mellorar o noso medio ambiente”, emprazou Villaverde Pais.

Pola súa banda, Adolfo Muíños asegurou que este miradoiro do monte Muralla “vai ser un incentivo evidente para o turismo dos dous concellos”, pero mesmo foi máis aló pois considera que “está chamado a ser un dos grandes miradoiros da comarca e mesmo de Galicia. É unha visión xeral, dende Compostela ao Mar de Vigo e as Illas Cíes, pero tamén da ría de Noia, Arousa e o val do río Té”. Así mesmo, destacou as características do proxecto construtivo pois “a espectacularidade está garantida. A estrutura do miradoiro busca darnos a sensación de que estamos voando sobre o val do río Té que vai camiño do mar. Por iso digo que será un complemento á oferta turística de Rianxo e de Lousame, pero tamén será un atractivo por si mesmo”.

Neste sentido, o alcalde de Rianxo indicou que este miradoiro “é un punto que ofrecer e sumar aos atractivos dos xeodestinos de Arousa e de Muros-Noia”, ao tempo que destacou o bo facer de Pavimentos Noia, empresa que está a executar as obras. “Despois quedará traballar nos accesos, na pavimentación, nos paneis explicativos, porque dende aquí o tema da Traslatio queda ben explicada, dende o traxecto da barca ata Padrón como o camiño ata o Picro Sacro e todo o relacionado coa Raíña Lupa”, exemplificou Adolfo Muíños.

Obras contempladas

O proxecto de miradoiro no Monte Muralla inclúe a construción dun miradoiro en formigón armado e perfís laminados, cun acabado exterior de táboas de madeira maciza de elondo; así como a pavimentación de dúas zonas de aparcamento no acceso ao miradoiro, previa preparación da superficie. Dúas actuacións que xa están en marcha nestes momentos.

Nas próximas semanas procederase á pavimentación de 360 m2 da contorna inmediata do miradoiro con 20 centímetros de zahora estabilizada con cemento, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da zona. Así mesmo, colocarase unha varanda de malla de aceiro inoxidable e pasamáns de madeira de elondo nunha superficie de case 100 metros na contorna inmediata ao miradoiro e no propio miradoiro. Tamén se contempla a retirada dunhas instalacións existentes (antenas).

No lugar instalarase unha mesa e seis bancos de pedra granítica, así como dous paneis panorámicos, segundo as indicacións do Manual de Sinalización Turística de Galicia, con toda a información sobre a zona. Así mesmo, os concellos de Lousame e Rianxo acometerán melloras nos accesos viarios ao lugar e instalarán a sinalización pertinente.